Saturday 04 de May de 2024

As mostras de cociña do Nadal porán en valor o produto local da Pobra


A campaña Consigue Caramiñas, Comparte Nadal segue engrosándose con máis accións. A concelleira da Promoción Económica, Amparo Cerecedo, anuncia que A Pobra do Caramiñal contará neste ano con mostras de cociña durante o mes de decembro.

Tres cociñeiros de prestixio da localidade serán os encargados de lles ensinaren ás persoas asistentes diferentes propostas gastronómicas para esta época. A este respecto, a edil indica que “na Pobra do Caramiñal temos moito orgullo polos grandes negocios que temos de restauración e, neses grandes cociñeiros, témo-lo que podemos considerar tres mestres da cociña.”

No venres 1, Luis Arijón, do Nojira, amosará petiscos sinxelos cunha serie de pratos orixinais e de rápida elaboración para non pasar todo o día na cociña nestas datas.

Kike Piñeiro, xunto con Eloy Cancela, do restaurante A Horta D’Obradoiro, asumirá no xoves 7 a tarefa de facer un menú con produto da proximidade e dar ideas innovadoras.

E a cociña de mercado chegará no venres 15 con Iago Pazos, de Abastos 2.0., cun obradoiro para sorprender convidados/as nun día de festa.

Todas estas mostras serán no mercado municipal, a partir das 19.00 horas. Existe un límite de 25 prazas por exhibición gastronómica, polo cal se require a inscrición previa no enderezo electrónico promocioneconomicapobra@gmail.com ou no teléfono de contacto 981843280, marcando a extensión 2035 (en horario de 09.00 a 14.00 horas).